06 marzo, 2013

CINEMA GALEGO (II): RODRÍGUEZ BAIXERAS

Seguimos na procura de filmes galegos esquecidos.


Desta volta é o turno de O DOCUMENTO, de Enrique Rodríguez Baixeras. Tráta-se dun filme baseado nun relato do escritor lucense Ánxel Fole.
Foi un dos primeiros intentos de rodar en galego, nuns anos (1974) nos que a lingua galega non tiña consideración de prestíxio "cultural".
De feito, o filme foi secuestrado pola policia franquista baixo a recomendación de "usted lo que tiene que hacer son películas en castellano, que es el idioma de la patria".
Así e todo, o filme de Baixeras ven de ser recuperado e proxectado no 2011 en Ribadeo.
Como nota curiosa, o axudante de dirección de Rodríguez Baixeras é... ¡Fernando Trueba!
Ben, pois aquí vos deixamos unha ligazón onde podedes acudir para ver o filme. A calidade da imaxe non é grande cousa, pero é o que hai.
Saúde.

CINEMA GALEGO (I): DÍAZ NORIEGA.



Achegamos, desta volta, dúas mostras esquecidas do cinema galego que resultan interesantes por  motivos.

O primeiro deles é Cine Amateur de José Ernesto Díaz Noriega. Esta curtametraxe foi premiada coa Palma de Ouro en Cannes no ano 1965. Tráta-se dunha espécie de manual de instruccións cara a creacíon dun filme "caseiro".




Pois ben, a desfrutar!!




28 agosto, 2012

Chris Marker



O cineasta Christian-François Bouche-Villeneuve (1921), pioneiro do cine documental e inspirador de numerosos directores, coñecido por xeracións de cinéfilos como Chris Marker, faleceu o pasado domingo 29 de xullo en París aos 91 anos.
O traballo de Marker que tivo unha repercusión máis ampla é a súa curtametraxe A Jetée (1962), un orixinal experimento cinematográfico que recorre a técnicas propias do cómic. Máis de trinta anos despois, a película do realizador francés serviu de inspiración a Terry Gilliam para rodar 12 monos.
Marker era esencialmente un director de cine, ao que a Cinemateca Francesa atribúe a creación do “documental subxectivo”, unha forma de cine no que o texto resulta tan importante ou máis que a imaxe. Pero este espírito curioso e infatigable era tamén un novelista, poeta, filósofo, crítico, fotógrafo ou artista multimedia que ata case o final das súas nove décadas de vida seguía explorando as posibilidades artísticas de medios tan dispares como os mundos virtuais de Second Life ou Youtube.
Naceu, segundo as fontes máis fidedignas, en Neuilly-sur-Seine, municipio próximo a París. Estudante de Filosofía nos anos previos á II Guerra Mundial, tras a ocupación nazi de Francia uniuse ao maquis. Acabada a guerra iniciou unha carreira xornalística, publicando comentarios políticos, poemas e historias breves no xornal Esprit, onde traballou de xeito conxunto con André Bazin, cofundador da mítica revista cinematográfica Cahiers du Cinéma, na que Marker tamén colaborou asiduamente.
Militante do Partido Comunista francés, estivo moi próximo a figuras cinematográficas e intelectuais como Costa Gavras, Alain Resnais, Jorge Semprún, Akira Kurosawa… sobre o que rodou un apaixonado ensaio cinematográfico, A.K…, Patricio Guzmán ou Agnès Varda. Con varios deles colaborou nalgúns dos seus documentais, nos que, a través dunha mirada estilizada e sumamente persoal, aborda temas de corte etnográfico, reflicte a devastación material e moral do colonialismo ou retrata a brutalidade dos réximes autoritarios.
Entre o medio centenar que rodou, cabería destacar Lles statues meurent aussi [As estatuas tamén morren] (1953), Lettre de Sibérie [Carta de Siberia], A embaixada (1973) ou ¡Cuba si! (1961).
“Foi un cineasta atípico que marcou o cine e renovou profundamente a arte do documental”, declarou o presidente francés, François Hollande, comentando o seu falecemento.


16 febrero, 2012

Theo Angelopoulos

Theodoros Angelopoulos (en grego Θόδωρος Αγγελόπουλος), nado en Atenas o 27 de abril de 1935 e finado na mesma cidade o 24 de xaneiro de 2012, foi un director de cine grego. Estudou leis en Atenas, tras o servizo militar marchou a París para atender á Sorbonne mais acabou entrando no IDHEC (Institut des hautes études cinématographiques). Volveu a Grecia e traballou como xornalista e crítico cinematográfico deica o golpe dos coroneis. Realizou a súa primeira curtametraxe en 1968.

31 octubre, 2011

COMENZA A SEGUNDA MOSTRA DE DOCUMENTAL ALTERNATIVO "DOCUTOPÍA"

DOCUTOPÍA

2ª MOSTRA DO DOCUMENTAL ALTERNATIVO

O cineclube UTOPÍA CINEMA organiza a segunda mostra do documental alternativo.

Desde o día un de Novembro ata o catro de decembro, no café UF-NEGRA SOMBRA, celebrarase esta segunda edición de DOCUTOPÍA.

A través de trinta e catro días, e o mesmo número de documentais, poderemos ver unha ampla mostra desoutra realidade sobre a que case nunca pon o foco os medios de comunicación oficiais. .

Vivimos un momento que algúns cualifican como a época dourada do documental. Nos últimos anos asistimos ao feito insólito de ver como determinados documentais son estreados nas salas comerciais, ata algúns cun grande éxito de público. Grandes estudos apostan por producir documentais que aparentemente critican un sistema de cousas das que eles non son alleos. Esta aparente contradición resólvese na implacable ecuación do beneficio económico. Ata teñen convertido a determinados documentalistas en estrelas mediáticas.

Á marxe de todo isto, e case sempre marxinados, existen unha gran produción de documentais verdadeiramente críticos, combativos, comprometidos, e que sempre chaman a mover a nosa conciencia ante realidades case sempre dolorosas. Son obras realizadas a pesar de todos os inconvenientes, feitas co corazón, a intelixencia e a indignación de persoas por cuxas veas circula sangue e non euros. Un traballo que nunca valoraremos o suficiente. DOCUTOPÍA, na medida das súas posibilidades, pretende mostrar este traballo, oculto e ocultado, por dúas razóns fundamentais. En primeiro lugar como homenaxe a todos eses realizadores, e en segundo lugar queremos utilizar as súas producións para o que cremos que foron feitas: debater, sensibilizarnos e provocar a nosa acción. E, en fin, facernos máis sabios e xustos. .

Está edición de DOCUTOPÍA comeza o día 1 de novembro coa proxección do documental “FRANCISCO MARTÍNEZ QUICO, GUERRILLEIRO CONTRA FRANCO”, que será presentado por el mesmo. A finalizar a proxección abrirase un debate sobre a súa experiencia na guerrilla e como activista da memoria histórica.

Francisco Martínez López Quico é o último combatente do Exército Guerrilleiro de León Galicia que prolongou a súa loita contra Franco ata 1952. .

É de destacar tamén o traballo que desde o 1982 realiza para o recoñecemento político das guerrillas antifranquistas.

Desde 1996 realiza unha intensa actividade no seo do Arquivo Guerra Exilio (A.G.E.). .

Tamén pretendemos converter os cinco xoves desta edición, en días de debate político. A presentación e organización do debate destas cinco sesións correrán a cargo de Iria Bragado e Fernando Rodríguez.

27 julio, 2011

NOVOS CICLOS NO CINECLUBE

Agora, no Cineclube Utopía Cinema, contamos con novos ciclos e novas propostas. A cousa ven ficando así:
- LUNS..... CINE CLÁSICO.
Un percorrido polos grandes filmes de todos os tempos .
- MARTES..... GRANDES ACTRICES EN PAPEIS MORTAIS
Programado por Gonzalo Rial, neste ciclo presentamos os filmes máis representativos das actrices inesquecíveis.
- MÉRCORES..... AS OUTRAS CINEMATOGRAFÍAS.
Unha achega ao cinema dos países con menos presenza nas salas comerciais.
- XOVES..... CINE PARA O DEBATE.
Programado e presentado por Iria e Fernando, neste ciclo abórdan-se temas de interese social, cultural e político.
- DOMINGO..... O CINE MÁIS RECENTE.
As propostas máis interesantes do cinema máis actual, ás 18.10h.
  • PRESÉNTA-NOS O TEU FILME FAVORITO.
Cada semana, alguén presenta o filme do que guarda unha especial lembranza, ás 20.10h.
De luns a xoves, as proxeccións serán ás 20.30h.
OMNIA SUNT COMMUNIA.

11 mayo, 2011

AGORA, MÁIS CINEMA

A partir de agora, todos os días (ou case) serán días de cinema no CINECLUBE UTOPÍA CINEMA. A nosa programación ve-se aumentada de forma considerável con filmes ás 20h: - LUNS: CINEMA CLÁSICO. - MARTES: AS OUTRAS CINEMATOGRAFÍAS. - MÉRCORES: CINEMA ACTUAL. - XOVES: CINEMA DOCUMENTAL. - DOMINGOS: dúas sesións, ás seis e oito do serán. Esta última co ciclo "PRESÉNTA-NOS O TEU FILME FAVORITO".