08 julio, 2009

CICLO ADICADO A RAINER WERNER FASSBINDER

“Sempre é mellor desfrutar da dor que soamente padecer” R.W. Fassbinder, 1977
Falar de Rainer Werner Fassbinder (1945-1982) é falar do autor máis coñecido, aclamado, prolífico e “máis alemán” da xeración do Novo Cinema. A súa obra, pechada despois da súa morte aos trinta e sete anos, abrangue corenta e tres filmes para cine ou televisión e é variada en xéneros sempre adaptados ao seu estilo persoal, complexo e refinado: cine negro, adaptacións literárias, ciencia ficción, un western e, sobre todo, os seus grandes melodramas realizados a partir de 1971. Logo de vivir de diferentes empregos ocasionais e rodar dúas curtametraxes, incorpóra-se a un pequeño grupo teatral de vangarda en Munich: o Action Theater, refundado despois como Anti-Teater. Neste grupo realiza as súas primeiras postas de escena, que chamaron a atención da crítica ao constituír representacións de obras adaptadas ou escritas por el onde se daban cita a provocación e a iconoclasia anarquista e subversiva. Coa axuda da práctica totalidade dos membros do grupo (muitos converterán-se en colaboradores artísticos ou técnicos habituais do seu cine) e os cartos recadados nas funcións tetarais (que non abandonará até 1976), dirixe a súa primeira longametraxe en 1969, O amor é máis frío que a morte, nominada ao Oso de Ouro tras ser recibida con asubíos e convertida co paso do tempo nun filme fundamental da primeira época do Novo Cinema. Neste filme, cun título que resume todas as obsesións do autor, atopamos as constantes que caracterizarán a súa obra fílmica e á denominada “marca Fassbinder”: os fríos, manieristas e calculados movementos de cámara, os encadramentos artificiosos que afunden as súas raíces no Expresionismo, o distanciamento crítico cara o que pon en escena, a visión de unha realidade opresora e claustrofóbica na que aparecen o amor/desamor hetero e homosexual, a soedade, a explotación, a mentira, o egoísmo, a falta de solidariedade humana ou os soños imposíveis. As chaves do seu cinema, ao longo de trece anos de carreira, resúmen-se a través dos seguintes elementos recurrentes na práctica totalidade dos seus filmes:
A CAMA
No centro do mundo de Fassbinder está a cama. O máis íntimo que agochan as personaxes do autor é exteriorizado neste lugar: inocentes parellas de namorados, prostitutas e mafiosos, pequenos burgueses de miras estreitas, cineastas excéntricos, sádicos e masoquistas, infieis e solitários, idealistas e desencantados… concentran na cama un mundo onde se atopan o desexo e o engano. É alí onde a intimidade do indivíduo convérte-se en espello do xeral: con unha sexualidade aparentemente privada, fan-se visíveis os fundamentos da vida en sociedade. Así é como do xeito máis elemental, o autor amosa a dominación e a sumisión que dirixen toda relación, a súa crenza básica de que o amor é un instrumento de dominación, de que todo aquel que crea no amor ideal cairá sen remedio na desesperación. “O QUE MÁIS AMA NUNHA RELACIÓN É O DÉBIL, O DERROTADO” (R.W.Fassbinder)
A GAIOLA
Como representación básica do amor, Fassbinder atopou unha sarcástica metáfora visual: a gaiola. Para o cineasta, o que ama nunca recebe unha desposta ou, polo menos, non aquela que agardaba. Deste xeito, a diferencia entre amor e sexualidade nunca ficou clara nos seus filmes, e por ese motivo o sentimento amoroso sempre vai acompañado do desengano, a dor e a soedade. A sociedade e, por extensión, os abafantes escenários onde transcorre a acción (xeralmente pisos ou apartamentos pequeno-burgueses) convérten-se nunha gaiola onde as persoas viven o seu cautivério encadeados pola orde externa das súas relacións, dun contrato, dun matrimónio. Os desexos non realizados luitan por facer estoupar esa orde que oprime constantemente ás criaturas fassbinderianas, xerando unha agresividade subliminal onde se agocha sempre, moi no fondo, unha oportunidade para a rebelión: xa que o autor non cre no equilibrio das relacións humanas, o amor desencadea para el unha luita que guiará a un violento ritual amoroso. “A SOEDADE PODE CONTRIBUÍR DE XEITO ESENCIAL NA AGRESIVIDADE DAS PERSOAS” (R.W.Fassbinder)
O MATADEIRO
Para Fassbinder, o mundo é un matadeiro no que os sentimentos puros non abundan xa que as relacións humanas funcionan seguindo as leis do mercado: até a máis mínima expresión dos sentimentos está caracterizada polo máis vulgar dos materialismos. Nese universo onde Fassbinder coloca do xeito máis chamativo ás criaturas que van ser sacrificadas, as persoas mostran unha crueldade insoportável que chega a trasmitir unha náusea abismal nos que cren na pureza dos sentimentos. Posívelmente os sádicos fassbinderianos experimenten esa náusea tamén, xa que a dor infundida nos demáis tamén se reflicte con frecuencia no seu interior. Pero a náusea ficará amortiguada por medio da bebida: os débiles beben sempre sen medida. Beber en exceso é xustamente o sinal da súa fraqueza. Na súa esaxeración óptica, as personaxes que viven nos filmes de Fassbinder agárran-se literalmente á garrafa, manifestando un elemento ineludível de toda autodestrucción: o aborrecemento diante da vida. A bebida, as pastillas, as drogas (como na vida do autor) non poderán axudar a unha vítima que non está preparada para aturar a presion social. “AS MIÑAS PERSONAXES COMPÓRTAN-SE COMO O CAPITALISMO E A SOCIEDADE BURGUESA” (R.W.Fassbinder).
A AUTODESTRUCCIÓN
En calquera filme de Fassbinder, a resistencia que opoñen as suas vítimas aos ataques aos que son sometidas ramata por rachar. Os débiles agasallan con grande patetismo a súa propia morte aos opresores. A madurez e a toma de conciencia da realidade por parte das súas personaxes non é admitida polo autor en ningún momento: a esperanza por atopar a máis mínima ilusión de amor e comprensión nas súas relacións, léva-os a obter a súa verdadeira recompensa na destrucción. Se ao fin, a personaxe remata en cadeira de rodas ou na cadea, ou se atopa a morte por man propia ou axena no seu ocaso, sempre acadará a súa redención deste xeito, xa que o dedo acusador do seu sufrimento recae sobre a sociedade e a presión que esta ten exercido sobre el. “A POBREZA, A MISÉRIA, O SUFRIMENTO, A MORTE… A XUSTIZAETERNA AGARDA. SE UN NON VALORARA NADA, O SEU DESTIÑO NON SERÍ TAN TRISTE”, (un suicida en Nun ano con trece lúas).
A CRUCIFIXIÓN
Moitas das histórias contadas por Fassbinder tratan dun amor fracasado nunca sociedade fracasada. Nelas amósa-nos o que valen para cada un os desexos e as ilusións. Para os que sempre dan máis do que receben, o autor atopou unha metáfora: a crucifixión. Sen medo a esaxeración, Fassbinder concede ás xentes máis humildes o papel dun deus que se sacrifica a si mesmo para formular a seu xuízo sobre a existencia: a vida é unha pasión, a existencia en si mesma é unha condena ao sufrimento. Co crecente presaxio da súa morte temprana, o cineasta viu-se a si mesmo cada vez máis próximo ao papel dun Cristo morto que desde o universo anuncia que el non é ningún Deus. Nos seus fimes, a víctima redime sempre ao culpable. É unha forma de sacrificio xa que , por medio da morte, a vida cobra sentido como pasión. “A DIFERENCIA ENTRE O CORPO BAIXO O CAL NOS SOMETEMOS FINALMENTE E O ESPÍRITO, QUE É INMORTAL, É UNHA TERRÍVEL DISCREPANCIA”, (R.W.Fassbinder).
O ESPELLO
En Effi Briest di-se nalgún momento que “as cousas non suceden como queremos senón como os demáis queren que sucedan”. Esta afirmación é experimentada por todas as personaxes de Fassbinder. Para lexitimala, o autor atopa o recurso dos numerosos espellos que poboan a súa filmografía. Empregados nun primeiro momento para maquillar-se, probar un vestido ou deleitar-se, sempre rematarán por amosar a verdadeiro restro do que se mira nel. Dun xeito desenfadado, os espellos de Fassbinder sempre din a verdade: estretan-se enmarcan a unha personaxe, limitan o seu espacio vital… pero tamén desdobran a realidade, amplían as perspectivas como se quixeran indicar que tras da realidade agarda unha terra sen fronteiras: a liberdade. Así e todo, as criaturas de Fassbinder non están en condicións de dar o primeiro paso cara a súa fuxida á realidade: non son que de abandonar a súa soedade e, polo tanto, non poden traspasar a súa imaxe reflectada no espello, unha imaxe deprimente que hembra a súa realidade aínda que eles non a queiran aceptar.
“NON PODEMOS ACEITAR O CONTRÁRIO DO QUE XA EXISTE. POR ISO ESTAMOS LONXE DA LIBERDADE, (R.W.Fassbinder)
ALEMANIA
As restriccións políticas e culturais na Alemania dos setenta axudan a Fassbinder para traballar coa história pasada e presente. Con isto non tentou de redimir, nen moito menos, á nación alemana das súas culpas, senón de reflectir no espello a unha nación vanidosa. A súa visión do país nunca foi influenciada por un partido ou unha ideología concreta: isto permitiu-lle unha maior concreción á hora de disparar os seus ataques. O máis original da súa visión política é que incluso os máis agochados oponentes ao sistema imperante dependen da mesma sociedade que exerce a súa dominación. Os seus suizos dunha realidade absurda é o que aporta máis forza á estética política de Fassbinder, que sempre defendeu nos seus filmes non o troco dunha situación crítica determinada, senón o troco da totalidade da existencia humana. EU NON TIRO BOMBAS, EU FAGO FILMES”, (R.W.Fassbinder).
FRANZ BIBERKOPF
Fassbinder viu en Franz Biberkopf, o protagonista do seu amado libro Berlín Alexanderplatz ao seu outro eu: un home intenso, de sensacións fortes e desenfrenadas, bondadoso, vulnerável e sedento de ternura, pero tamén colérico, brutal e violento que luita contra a esterilidade da sú existencia humana. Numerosas personaxes dos seus filmes levan ese nome, e a maior parte deles experimentaron o mesmo quie o autor na vida real: non é posível unha vida sen pasión. “NON COÑEZO PERSOA NINGUNHA QUE VIVIRA O QUE EU DUN XEITO TAN LASTIMOSO E DEPLORÁVEL”, (Franz Biberkopf no persoal epílogo da série Berlín Alexanderplatz).
Querelle puxo punto e final a unha das carreiras máis importantes e fascinantes da História do cinema. Retaron moitos proxectos por facer a Rainer Werner Fassbinder cando a morte sorprendeu-lle mentres escribía o guión do que ía ser o seu seguinte filme: unha explosiva mistura de alcohol, drogas e somníferos que tomaba desde había anos, quitóu-lle a vida o dez de xuño de 1982.