31 octubre, 2011

COMENZA A SEGUNDA MOSTRA DE DOCUMENTAL ALTERNATIVO "DOCUTOPÍA"

DOCUTOPÍA

2ª MOSTRA DO DOCUMENTAL ALTERNATIVO

O cineclube UTOPÍA CINEMA organiza a segunda mostra do documental alternativo.

Desde o día un de Novembro ata o catro de decembro, no café UF-NEGRA SOMBRA, celebrarase esta segunda edición de DOCUTOPÍA.

A través de trinta e catro días, e o mesmo número de documentais, poderemos ver unha ampla mostra desoutra realidade sobre a que case nunca pon o foco os medios de comunicación oficiais. .

Vivimos un momento que algúns cualifican como a época dourada do documental. Nos últimos anos asistimos ao feito insólito de ver como determinados documentais son estreados nas salas comerciais, ata algúns cun grande éxito de público. Grandes estudos apostan por producir documentais que aparentemente critican un sistema de cousas das que eles non son alleos. Esta aparente contradición resólvese na implacable ecuación do beneficio económico. Ata teñen convertido a determinados documentalistas en estrelas mediáticas.

Á marxe de todo isto, e case sempre marxinados, existen unha gran produción de documentais verdadeiramente críticos, combativos, comprometidos, e que sempre chaman a mover a nosa conciencia ante realidades case sempre dolorosas. Son obras realizadas a pesar de todos os inconvenientes, feitas co corazón, a intelixencia e a indignación de persoas por cuxas veas circula sangue e non euros. Un traballo que nunca valoraremos o suficiente. DOCUTOPÍA, na medida das súas posibilidades, pretende mostrar este traballo, oculto e ocultado, por dúas razóns fundamentais. En primeiro lugar como homenaxe a todos eses realizadores, e en segundo lugar queremos utilizar as súas producións para o que cremos que foron feitas: debater, sensibilizarnos e provocar a nosa acción. E, en fin, facernos máis sabios e xustos. .

Está edición de DOCUTOPÍA comeza o día 1 de novembro coa proxección do documental “FRANCISCO MARTÍNEZ QUICO, GUERRILLEIRO CONTRA FRANCO”, que será presentado por el mesmo. A finalizar a proxección abrirase un debate sobre a súa experiencia na guerrilla e como activista da memoria histórica.

Francisco Martínez López Quico é o último combatente do Exército Guerrilleiro de León Galicia que prolongou a súa loita contra Franco ata 1952. .

É de destacar tamén o traballo que desde o 1982 realiza para o recoñecemento político das guerrillas antifranquistas.

Desde 1996 realiza unha intensa actividade no seo do Arquivo Guerra Exilio (A.G.E.). .

Tamén pretendemos converter os cinco xoves desta edición, en días de debate político. A presentación e organización do debate destas cinco sesións correrán a cargo de Iria Bragado e Fernando Rodríguez.