28 agosto, 2012

Chris Marker



O cineasta Christian-François Bouche-Villeneuve (1921), pioneiro do cine documental e inspirador de numerosos directores, coñecido por xeracións de cinéfilos como Chris Marker, faleceu o pasado domingo 29 de xullo en París aos 91 anos.
O traballo de Marker que tivo unha repercusión máis ampla é a súa curtametraxe A Jetée (1962), un orixinal experimento cinematográfico que recorre a técnicas propias do cómic. Máis de trinta anos despois, a película do realizador francés serviu de inspiración a Terry Gilliam para rodar 12 monos.
Marker era esencialmente un director de cine, ao que a Cinemateca Francesa atribúe a creación do “documental subxectivo”, unha forma de cine no que o texto resulta tan importante ou máis que a imaxe. Pero este espírito curioso e infatigable era tamén un novelista, poeta, filósofo, crítico, fotógrafo ou artista multimedia que ata case o final das súas nove décadas de vida seguía explorando as posibilidades artísticas de medios tan dispares como os mundos virtuais de Second Life ou Youtube.
Naceu, segundo as fontes máis fidedignas, en Neuilly-sur-Seine, municipio próximo a París. Estudante de Filosofía nos anos previos á II Guerra Mundial, tras a ocupación nazi de Francia uniuse ao maquis. Acabada a guerra iniciou unha carreira xornalística, publicando comentarios políticos, poemas e historias breves no xornal Esprit, onde traballou de xeito conxunto con André Bazin, cofundador da mítica revista cinematográfica Cahiers du Cinéma, na que Marker tamén colaborou asiduamente.
Militante do Partido Comunista francés, estivo moi próximo a figuras cinematográficas e intelectuais como Costa Gavras, Alain Resnais, Jorge Semprún, Akira Kurosawa… sobre o que rodou un apaixonado ensaio cinematográfico, A.K…, Patricio Guzmán ou Agnès Varda. Con varios deles colaborou nalgúns dos seus documentais, nos que, a través dunha mirada estilizada e sumamente persoal, aborda temas de corte etnográfico, reflicte a devastación material e moral do colonialismo ou retrata a brutalidade dos réximes autoritarios.
Entre o medio centenar que rodou, cabería destacar Lles statues meurent aussi [As estatuas tamén morren] (1953), Lettre de Sibérie [Carta de Siberia], A embaixada (1973) ou ¡Cuba si! (1961).
“Foi un cineasta atípico que marcou o cine e renovou profundamente a arte do documental”, declarou o presidente francés, François Hollande, comentando o seu falecemento.


16 febrero, 2012

Theo Angelopoulos

Theodoros Angelopoulos (en grego Θόδωρος Αγγελόπουλος), nado en Atenas o 27 de abril de 1935 e finado na mesma cidade o 24 de xaneiro de 2012, foi un director de cine grego. Estudou leis en Atenas, tras o servizo militar marchou a París para atender á Sorbonne mais acabou entrando no IDHEC (Institut des hautes études cinématographiques). Volveu a Grecia e traballou como xornalista e crítico cinematográfico deica o golpe dos coroneis. Realizou a súa primeira curtametraxe en 1968.