26 agosto, 2008

SATYAJIT RAY. O CLÁSICO DESCOÑECIDO.

"Non ter visto o cine de Ray significa existir no mundo sen poder ver a luz ou a lúa". Akira Kurosawa

Satyajit Ray é o director que mudou para sempre o cinema hindú na década dos cincuenta. Modernizou a linguaxe, estableceu uns parámetros temáticos máis abertos e realistas, amosando unha imaxe da India pouco compracente aínda que de infinito lirismo, foi o primeiro director hindú que triunfou en occidente, e quizáis gracias á porta que el abriu no seu momento, hoxe é posible disfrutar nos cines en versión orixinal de filmes rodados neste país.

A obra mestra de Ray é esta triloxía que inaugurou excepcionalmente a súa carreira como director, aínda que curiosamente non foi concebida como unha triloxía, senón que se rodaron os filmes nun periodo de tempo moi amplo e se estrearon logo paulatinamente.

“El lamento del sendero”, primeiro filme do trío, relata a infancia de Apu nunha das pobrísimas zonas rurais da India. Apu, fillo dunha familia bengalí, é un neno (interpretado por Subir Bannerjee, descuberto pola muller de Ray cando o neno xogaba despreocupadamente xunto a súa casa) atado por fortes lazos a súa familia e ás trdicións do seu povo, pero nesta infancia marcada pola falla de recursos, tamén vivirá momentos de ledicia como cando, nunha emocionante escena, Apu ve un tren por vez primeira. Ledicias e tristuras son a base da triloxía, ninguén como Ray equilibra emocións tan opostas dun xeito tan sinxelo.

O mesmo director, na súa xuventude de crítico cinematográfico en Calcuta, reclamaba esa sinxeleza na ollada que tanto botaba en falla no cinema do seu país e que resulta ser a clave da poesía da súa obra: “A materia pura do cine é a vida. É incríbel que un país que ten inspirado tanta pintura, música e poesía non conmova ao cineasta. Este, so ten que manter os ollos e as orellas abertas. Deixémoslle que o faga”.

Despois de gañar o primeiro premio en Cannes con “El lamento del sendero”, Ray afronta os anos de mocidade de Apu en Benares co segundo filme da serie, “El invencible”. Desta vez, Apu afástase da súa nai e deberá aprender a se valer por si mesmo.

Un Ray consolidado no seu país , que neste ocasión non tivo que comenzar a rodar o filme en 16mm e con tan só uns centos de libras, como fixera en “El lamento del sendero”. O filme gaña o León de Ouro no Festival de Venecia de 1957 e Ray segue a asombrar a occidente, tamén impactado pola demoledora banda sonora, presente en toda a triloxía, do músico hindú máis influíte de todos os tempos, Ravi Shankar.

Oito anos tardou Satyajit Ray en completar o seu último filme sobre a vida de Apu, "El mundo de Apu". Agora, o protagonista vive en Calcuta e contrae matrimonio, mentres mira a triste realidade do seu país, evidente para o espectador en escenas de brutal realismo, como cando Apu comenza a traballar como escritor de etiquetas nunha fábrica de tarros de comida onde os obreiros traballan como máquinas inhumanas. Remataba así a triloxía, adaptación duna novela autobiográfica de Bibhutibhushan Bandhipadhyaya que retrataba a vida na India de primeiros do século XX dun xeito tan sinceiro e naturalista, dando cor aos pequenos recunchos da existencia para poder dar logo unha imaxe universal do ser humano, que desgraciadamente non foi comprendida por moitos críticos do seu propio país, pero esa foi unha constante na carreira do director. A súa visión da vida molestaba profundamente a diversos sectores da India, e xa nos anos oitenta foi acusado de darlle ao resto do mundo unha imaxe demasiado negativa (por pobre) do país. Ray foi un creador desde a súa infancia. A súa familia estaba ligada a círculos progresistas da India, rexeitaban o sistema de castas e os matrimonios entre nenos, e mantiñan contacto co venerado poeta Rabindranath Tagore. Pasou moitísimas horas da súa xuventude mirando filmes de Hollywood e escribindo a directores da altura de Billy Wilder. Coñeceu a Renoir cando realizaba traballos de crítico na Sociedade Cinematográfica de Calcuta, e foi o mestre francés quen lle animou a que se lanzara á dirección.

A súa precisión visual coa cámara quizáis proveña da etapa que viviu como ilustrador en Londres, e a busca no seu cine da crua realidade do país lembra enormemente ao Neorrealismo italiano, do cal era un admirador declarado.

Descobrer o cine de Ray é achegarse suavemente a un mundo onde os filmes flúen de forma diferente, cun ritmo máis axeitado cos movementos da vida. A dulzura e a amargura nunha alternancia que non ten fin e que, en filmes como os que forman esta triloxía de Apu, ou noutros do seu autor como “la habitación de la música”(1959) ou a maravillosa “La diosa”(1960), conserva toda a súa emoción.

Ray xa o dicía, non custa nada abrir ollos e orellas.

ENTREVISTA CON SATYAJIT RAY por Micciollo Henry